SEGURIDADE NA CONTORNA ESCOLAR
Estimadas familias:
Onte, un alumno do noso colexio sufriu un atropelo nun paso de peóns da rúa de Valle-Inclán. Segundo a información recibida, afortunadamente atópase fóra de perigo.
Desde a AFA transmitímoslle todo o noso apoio a el e á súa familia e desexámoslle unha pronta recuperación.
Este suceso lémbranos a importancia de extremar a precaución na contorna do colexio, especialmente nas horas de entrada e saída, cando coinciden numerosos nenos e nenas cun elevado volume de tráfico.
Pedimos a colaboración de todas as familias para:
Conducir con máxima prudencia, adecuar a velocidade para poder deterse con seguridade e respectar a prioridade das persoas nos pasos de peóns.
Evitar paradas ou estacionamentos que dificulten a visibilidade, bloqueen as beirarrúas ou obstaculicen os pasos de peóns, mesmo durante uns minutos.
Ao desprazarse a pé, utilizar os pasos habilitados, comprobar que os vehículos se deteñen antes de cruzar e acompañar os máis pequenos.
A seguridade dos nosos fillos e fillas require o compromiso de todas as persoas que compartimos a contorna escolar. Cada xesto de prudencia e respecto contribúe a protexelos.
Grazas pola vosa colaboración.
A Xunta Directiva
AFA La Salle Santiago







